|
Axendas solidarias
Como vén sendo habitual nos últimos anos, co cambio de ano Implicadas/os No Desenvolvemento ten unha nova proposta: a AXENDA DO DESENVOLVEMENTO 2008. A través desta ferramenta cotiá a oenegué galega trata de concienciar ao sector empresarial galego na súa implicación na cooperación e o desenvolvemento.
A nova AXENDA DO DESENVOLVEMENTO para o ano 2008, que se pode mercar na páxina web da organización (www.implicadas.org) ou por mail (info@implicadas.org) ten como principal novidade o feito de intercalar as follas dedicadas a cada día con información de interese sobre cooperación, xénero, axuda ao desenvolvemento e sobre todo co proxecto de cooperación desenvolvido en Tiruchy, no estado de Tamil Nadu (India), tema ao que IND dedica este ano a axenda. Estas características convértena na única axenda en galego deste tipo que existe no mercado, e conta ademais cun deseño moi atractivo e manexable ao longo das súas 250 páxinas en papel reciclado e tamaño 13 x9,5 cm.
Nos últimos anos Implicadas no desenvolvemento leva a cabo diferentes tipos de colaboración con entidades privadas e co sector empresarial, aos que considera actores imprescindíbeis para lograr o desenvolvemento dos países do Sur. Nesta ocasión a ONGD ofrece a entidades e empresas a posibilidade de obsequiar ao seu persoal e a á súa clientela cunha axenda solidaria para o 2008, como agasallo de Nadal.
Dende o punto de vista da ONG este tipo de produtos teñen un gran poder comunicativo e son indicativos dos valores aos que dan prioridade as empresas ou entidades, facendo ver o seu compromiso social. Por este motivo, Implicadas No Desenvolvemento aposta por ofrecer o valor engadido da solidariedade que transmite a súa axenda.
O proxecto UDP Tiruchy, en Tamil Nadu (India)
O Proxecto UDP Tiruchy comezou o 15 de setembro do 2003 en colaboración coa contraparte de Implicadas na India, People's Development Initiatives (PDI). A comunidade beneficiaria deste proxecto de desenvolvemento está composta por 8.784 persoas (4.399 mulleres e 4.385 homes). Este proxecto está concibido como un proxecto de desenvolvemento integral con enfoque de xénero, e entre outras accións, inclúe:
- grupos de aforro, nos que as mulleres se xuntan para aforrar e tomar decisións de xeito autónomo e democrático;
- programas de capacitación laboral e xeración de ingresos;
- clases de alfabetización para mulleres;
- clases suplementarias para nenas/os;
- campos sanitarios: campañas de sensibilización sobre diversos temas como xénero, prevención e tratamento da SIDA/VIH e enfermidades de transmisión sexual, planificación familiar, etc.;
- Etc.
CONTACTAR CON LUCÍA LÓPEZ NO 650798163
IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO Avda. Camelias, 49 Escaleira, Vigo - Tlf: 886111911 / 655 104179
www.implicadas.org
info@implicadas.org e prensa@implicadas.org
|